A Federación das Anpa de Bueu reuniranse con todos os partidos políticos

A Federación proponse levar novamente as súas peticións ata o Parlamento de Galicia.

A Xunta de Galicia e a Consellería de Educación non deron unha resposta negativa ás peticións da Federación de Anpa de Bueu pero tampouco amosaron unha intención clara e inequívoca de levar adiante a tan demandada ampliación do IES Johán Carballeira. Os pais dos alumnos admiten que "a pesar de que en ningún momento dende a Dirección Xeral de Formación Profesional se nos deu unha resposta negativa, o simple feito de que unha vez que transcorreron xa tres meses dende a nosa primeira reunión e que aínda continúan estudando o tema si que nos preocupa". Por iso, a federación de Bueu anuncia que nas próximas semanas iniciará unha rolda de contactos con todas as forzas políticas para expoñer as súas demandas.

 As explicacións ofrecidas ata o momento dende a consellería verbo da elaboración de novos estudos para reorganizar o mapa de ciclos formativos non convencen aos pais. "A estas alturas e despois da investimento realizada polo concello para comprar os terreos necesarios e de que a propia Xunta envíase xa maquinaria do ciclo de soldadura só cabe un estudo: o que determine como e cando comezan as obras da ampliación". A federación anuncia que presentará unha moción ó próximo pleno e baralla a posibilidade de levar unha proposta non de lei ó Parlamento. Se isto non é suficiente, "teremos que resucitar á Plataforma do Ensino". O obxectivo é que a ampliación estea lista para o curso próximo.

 
A federación presentará estudos "en clave positiva"
            

Os voceiros da Federación de Anpa lamentan que "a Xunta está manexando estudos en clave negativa así que nós lle imos achegar tamén documentación pero en clave positiva". O colectivo xa logrou o apoio de industriais e comerciantes que certificaron a alta demanda que existe de técnicos soldadores e as Anpa lembran que este ciclo "só se imparte en Valga e Vigo polo que podería atraer a alumnos do resto da comarca e do norte de Pontevedra". Un dos aspectos que preocupa aos pais é que se deixou entrever que o novo ciclo se podería implantar nas actuais instalacións do instituto, unha posibilidade que rexeitan de plano e lembran a falta de seguridade e hixiene" nas actuais dependencias.