A Federación convoca un Concurso de fotografía para ANPA

CONCURSO DE REPORTAXES FOTOGRÁFICAS


1. Obxectivo

O obxectivo deste concurso consiste en documentar de modo visual e directo a realidade da vida escolar dos centros públicos do Concello de Pontevedra. Preténdese recoller esta realidade, fomentar a participación das ANPA, recoñecer o traballo que realiza a comunidade escolar nos colexios, denunciar as carencias e premiar as iniciativas de mellora da calidade, en definitiva calquera aspecto relevante para unha comunidade escolar viva e resposable.

2.Tema
A temática será libre pero sempre relacionada coa vida escolar e a comunidade educativa (actividades da ANPA, problemas de integración, deficiencias na instalacións, actividades, festivais…)

3.Participación
Diríxese a todas as Anpas federadas* de centros públicos da cidade de Pontevedra. O traballo deberá ser presentado a nome da ANPA do Centro ao que se refira a reportaxe.

Toda ANPA participante recibirá como agasallo da Federación un lapis de memoria óptica, simplemente pola presentación de traballo a calquera das categorías, independentemente do premio a que poida ser acredora segundo a decisión que poida tomar o xurado.

4. Admisión de obras.

Data de presentación: a data límite é o 31/05/2007 incluído. Non se admitirán reportaxes fotográficas a concurso con posterioridade á data indicada.

A reportaxe fotográfica será enviada pola ANPA participante ao seguinte enderezo e indicando no sobre :

"CONCURSO DE FOTOGRAFÍA”

Alfonso XIII,7-3º (Antigo conservatorio)-36002

Pontevedra
Apartado de correos 511-36080

5. Presentación da reportaxe fotográfica

Para participar só será necesario enviar a reportaxe fotográfica arredor dun tema adecuado á categoría á que se opta. En todo caso, cada fotografía deberá levar aparellado un pé de foto ou comentario, convenientemente redactado para contextualizar a imaxe.

Nunha ficha anexa á reportaxe, pero independente dentro do sobre, deberase identificar a autoría: ANPA,CIF, enderezo, teléfono de contacto da ANPA (para o concurso), correo electrónico e nome do autor/es.

Os envíos serán por conta dos participantes e libres de gastos, e deberán chegar debidamente protexidos. Admitirase unha reportaxe fotográfica por cada participante e categoría, cun máximo de dez folios para cada reportaxe. Queda á creatividade do participante a posiblidade de elaborar un collage cos textos e as fotografías ou calquera outro método visual atractivo de presentación.

As fotografías deberán ser inéditas e libres de dereitos, é dicir non ser publicadas nin presentadas noutro concurso anteriormente. Deberá terse en conta tamén o respecto á intimidade e o dereito á salvagarda da imaxe propia dos menores (evitaranse os retratos infantís). Recoméndase que as fotografías sexan revisadas pola dirección do centro escolar neste aspecto.

6. Xurado

Estará composto por cinco membros , tres pertencentes a Federación Provincial de Anpas e outros dous serán persoas recoñecidas no ámbito da fotografía e/ou da educación.

7. Publicidade de reportaxes gañadoras

Comunicarase a decisión aos ganadores antes do día 12 de xuño e ao público en xeral, tan pronto como sexa posible, a través de www.nontedurmas.org. Os traballos premiados serán integramente publicados, cando menos en www.nontedurmas.org

8. Entrega de Premios

A entrega de premios e dos agasallos por participación realizarase o día 15 de xuño, nun acto único ese mesmo día.

9. Premios

Establécense dúas categorías e dous premios en cada categoría:

  1. Categoría “En positivo”

Nesta categoría recolleranse traballos que recollan algún aspecto, actividade, iniciativa que supoña un motivo de optimismo

    1. Primeiro premio: 1 cámara dixital
    2. Segundo Premio: 1 cámara dixital
  1. Categoría “En negativo”

A esta categoría optarán os traballos que recollan algunha realidade denunciable, carencia ou aspecto que resulta inaceptable nos nosos centros.

    1. Primeiro Premio: 1 cámara dixital
    2. Segundo Premio: 1 cámara dixital

10. Dereitos

Os autores das fotografías premiadas ceden libremente o dereito de explotación, uso, difusión, distribución, comunicación pública, exhibición e reprodución que responderá sempre a fins lexítimos: promoción da imaxe da vida escolar e cultural; a publicidade recollerá sempre o nome e autor das fotografías.

11. Devolución

As fotografías non premiadas quedarán depositadas na Federación durante o prazo de 4 meses desde a data de decisión do xurado, onde as poderán recoller os seus autores. Pasado este tempo, a Federación será a propietaria de ditas fotos e reservase o dereito de arquivalas, reutilizas, destruílas ou o que considere oportuno.

12. Aceptación

A participación neste concurso supón a plena aceptación de todas e cada unha das bases do concurso e da decisión inapelable do xurado. O xurado será tamén o intérprete das bases de se producir algunha dúbida.

*As anpas premiadas deberán estar federadas e ao día no pagamento das cotas.

P.S.

Esta actividade é posible mercé ao financiamento ofrecido polo Concello de Pontevedra.