A Federación apoia a candidatura da cultura común galego-portuguesa

25 de novembro de 2005: a UNESCO proclamará os candidatos electos a Obras Mestras da Humanidade. A cultura oral galego-portuguesa presenta a súa candidatura para a súa posta en valor pola nosa sociedade.

A Federación de ANPA de Pontevedra quere manifestar a través deste comunicado a felicitación ás escolas, primeiras promotoras e o seu apoio á candidatura do patrimonio cultural común galego-portugués como "obra mestra" do patrimonio inmaterial da Humanidade.

Un pouco de historia para aclarar conceptos:

A UNESCO contempla –ademais da posibilidade de presentar cada dous anos unha candidatura por parte dun Estado- a opción de presentar candidaturas multinacionais naqueles casos nos que exista un patrimonio vivo e diverso que se estenda máis alá das fronteiras políticas dun Estado. Así mesmo, a UNESCO establece un procedemento para a presentación destas candidaturas no que a iniciativa debe partir da sociedade civil, ser posteriormente apoiada por institucións e entidades e, finalmente, presentada polos gobernos.

Así, o pasado 10 de outubro foi presentada na División do Patrimonio Inmaterial da UNESCO a candidatura do Patrimonio Inmaterial galego-portugués para o seu coñecemento como Obra Mestra do Patrimonio da Humanidade, avalada polos gobernos portugués e español

Algunhas escolas galegas e portuguesas puxeran conxuntamente en marcha, hai anos, unha xornada de emisión de radio en directo que, edición tras edición, foi incrementando o número de horas e o número de persoas e países colaboradores: nacía PONTE… NAS ONDAS!

A partir desta experiencia comunicativa, as escolas galegas e portuguesas asociadas á UNESCO, montan en 2001 unha candidatura de patrimonio inmaterial galego-portugués que opte á consideración de Obra Mestra da Humanidade, candidatura que vai sumando apoio tras apoio no medio dun entusiasmo crecente, até que, tres anos despois, en outubro, é presentada formalmente na UNESCO.

Esta candidatura é unha das poucas que nacen con carácter multinacional, mais é a única das que optan ao recoñecemento de Obra Mestra traballada por e en escolas. Agora agardamos o paso decisivo: o día 25 de novembro a UNESCO vai levar a cabo a proclamación mentres as escolas celebran máis ca nunca as festividades outonais e patrimoniais de Samaín e Magosto.

Que significaría que o Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués fose considerada Obra Mestra da Humanidade?

A cultura galego-portuguesa representada na “Árbore do Patrimonio” tería que ser obxecto dun plan de acción a cinco anos financiado desde os gobernos con tres obxectivos básicos: defensa, protección e difusión do patrimonio. Pola súa parte a propia UNESCO difundiríao mundialmente através dos seus organismos e institucións.

Se queres asinar o teu apoio á candidatura, vai a www.opatrimonio.org e leva as túas amizades.