A Consellería anuncia a chegada dos materiais para concretar a aplicación da normativa de galego

A Consellería de Educación anuncia por fin, e despois de ter xa iniciado o curso, a publicación de manuais e formación imprescindibles para a aplicación da nova normativa sobre o galego nos centros educativos

O manual e a Guía práctica para a planificación lingüística distribuiranse en todos os centros educativos, nos servizos municipais de normalización e noutras entidades relacionadas coa lingua galega

O Curso de especialización en planificación lingüística aborda, en seis grandes áreas temáticas, todas as ferramentas necesarias para desenvolver o proxecto sociolingüístico das escolas

En outubro iniciarase a segunda edición do Seminario de Dinamización Lingüística, que se impartirá nas sete grandes cidades galegas

A conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, e a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, presentaron hoxe os novos materiais e as actividades formativas deseñadas conxuntamente polos seus departamentos para axudar os profesionais do ensino no proceso de planificación lingüística dos centros, de acordo coas pautas que establece o Decreto 124/2007, do 28 de xuño, polo que se regula o uso e a promoción do galego no ensino.

O manual A planificación lingüística nos centros educativos e a guía que o acompaña pretenden achegarlle ao profesorado as ferramentas necesarias para poder abordar o proceso de normalización lingüística no ámbito socioeducativo no que traballan. Pautas, recursos e estratexias útiles para poñer en práctica na aula e fóra dela recóllense nesta publicación, que se complementa con propostas concretas de actuación segundo os distintos tipos de centros. A guía inclúe ademais un resumo da situación sociolingüística en Galicia, simulacións de casos prácticos, un glosario temático e bibliografía de interese.

Estas publicacións están xa a ser distribuídas non só en todos os centros de ensino de Galicia, senón tamén nas escolas de Castela e León que seguen o programa de lingua e cultura galegas, nos máis de 40 lectorados de galego no exterior, nos servizos de normalización lingüística dos concellos e noutras entidades.

Curso de especialización

Co mesmo obxectivo, deseñáronse diferentes actividades formativas para garantir o correcto desenvolvemento do novo marco legal do galego no sistema educativo. A primeira delas é o Curso de especialización en planificación lingüística nos centros de ensino, que comezou hoxe mesmo en Santiago. A el asisten inspectores educativos, dinamizadores dos equipos de normalización lingüística, os delegados provinciais da Consellería de Educación, membros dos equipos directivos dos centros e outros profesionais. En total, convocáronse 40 prazas para esta primeira edición.

O curso ten unha duración de 130 horas e aborda, entre outros temas, a lexislación lingüística no ensino, os programas de ensino plurilingüe e a dinamización e planificación lingüística.

Outra das actividades formativas prevista é a segunda edición do Seminario de Dinamización Lingüística no ensino, que ofrecerá 50 prazas en cada unha das sete grandes cidades galegas, e que se vai desenvolver entre os meses de outubro e novembro. A novidade desta edición radica na súa vertente fundamentalmente práctica.

Novas metodoloxías
A secretaria xeral de Política Lingüística manifestou, durante a presentación destas actividades e dos materiais didácticos, que con eles se lle dá forma ao deseño “dunha activa planificación lingüística que corrixa eivas, aposte por novas metodoloxías e procedementos, mellore resultados e deseñe proxectos de intervención que sexan quen de incidir tanto na superación de prexuízos como na recuperación social da lingua por parte dos falantes novos”.

Marisol López animou os axentes implicados a participar nestas actividades. “Da Administración depende a elaboración e a difusión dos recursos necesarios para poder desenvolver o novo marco legal, e dos membros da comunidade educativa a súa posta en práctica”, subliñou, para concluír que deste xeito se conseguirá o obxectivo de “facermos do galego unha lingua viva dentro e fóra das aulas”.

Suma de coñecementos
Durante a súa intervención, a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria sinalou que “a sociedade debe ser consciente de que a suma de idiomas é a suma de coñecementos e constitúe unha formación básica e chea de riqueza para enfrontarse ao futuro”. Neste senso, Laura Sánchez Piñón salientou que “temos a sorte de vivir nunha Comunidade con lingua propia e os nosos cidadáns teñen a oportunidade de dominar as dúas linguas oficiais”. A máxima responsable da Administración educativa galega indicou que o castelán é a terceira lingua máis falada do mundo e o portugués (lingua á que a galega é moi próxima) é a sétima no número de falantes.

Laura Sánchez Piñón referiuse tamén ao contexto europeo indicando que, na actualidade, a UE conta con 23 linguas oficiais e 60 linguas minoritarias, “un escenario idiomático dunha enorme riqueza que supón unha gran vantaxe económica, cultural e social”.

Así, a conselleira de Educación destacou que “a lingua galega se sitúa entre as linguas europeas rexionais e minoritarias cunha maior vitalidade social e institucional”. En relación ao novo decreto que regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo, Sánchez Piñón indicou que esta norma “parte da Lei de normalización lingüística”, e “garante que, como mínimo, se imparta en galego o 50% das materias”.

Ademais, a titular do departamento educativo galego indicou que “se imparte galego en 7 das 11 escolas oficiais de idiomas (EOI) no curso 2007/08, e tamén na EOI de Madrid”. Neste senso, a conselleira de Educación sinalou que “se dan nas EOI cursos de galego, e tamén se ofrecerán 30 cursos de formación do profesorado de todos os idiomas, entre eles o galego”; ao tempo que destacou que “a Consellería de Educación ten editados en galego guías para o alumnado a distancia, libros de texto e material específico para todo o ensino nos ciclos formativos, elaborado en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística”.