A ANPA “A Capela” do CPI Mosteiro de Meis sae de viaxe

A ANPA do CPI Mosteiro-Meis leva organizando unha excursión de fin de curso para todos os pais, nais e alumnado do Colexio (socios e non socios) desde o nacemento da asociación.

Os últimos anos viaxamos xa ao Parque Acuático de Cerdeda, á Coruña e aos Canóns do Sil con paseo en catamarán incluído. Todas estas excursións eran dunha xornada, mais este ano, e axudados dunha subvención do Concello de Meis, os socios e socias decidiron en asemblea ir un pouco máis alá: o destino escollido para este ano foron as Illas Cíes… con durmida no cámping!!

Logo duns duros días de organización, a viaxe está prevista para a fin de semana dos días 21 e 22 de xuño. O sábado os autobuses recollerán nas paradas dos rapaces as persoas anotadas e contamos estar na Estación Marítima de Vigo ás 10: 30 para coller o barco que nos levará ás Cíes. Regresaremos o domingo ás 20:00 h aproximadamente.

A directiva da ANPA está moi contenta pola elevada participación das familias xa que somos máis de 100 persoas as anotadas a día de hoxe. Ademais convidamos aos profesores de Educación Física e Música de Primaria, e a unha monitora de tempo libre que vive no noso Concello.
Pensamos que o éxito está asegurado grazas ás actividades –voluntarias- que temos programado, entre as que non van faltar o sendeirismo, os xogos tradicionais e a música. Se o bo tempo nos acompaña, a nosa alegría será total!!