54 centros de ensino galegos participarán nas probas do Informe PISA 2009

Un total de 54 centros de ensino galegos participarán nas probas do Informe PISA 2009 centrado na comprensión lectora

O programa PISA é un estudo comparativo, internacional e periódico que avalía o rendemento do alumnado de 15 anos, ao finalizar a etapa escolar obrigatoria, a partir da avaliación de certas competencias consideradas clave, como a lectora, a matemática e a científica
O subdirector xeral de Inspección da Consellería de Educación ofrecerá o martes en Santiago unha charla informativa ás direccións dos centros participantes
Como novidade, este ano a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) mide a capacidade lectora do alumnado en formatos electrónicos
Na edición deste ano participarán 65 países, dos cales 30 son membros da OCDE e 35 son países asociados
En España amplían mostra 14 Comunidades Autónomas e as Cidades Autónomas de Ceuta e Melilla para obter datos propios do seu alumnado
O subdirector xeral de Inspección, Avaliación e Calidade do Sistema Educativo, José Graña Carrodeguas, manterá o próximo martes, 17 de marzo, no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA), en Santiago de Compostela, unha xuntanza informativa na que participarán os responsables das direccións dos 54 centros de ensino que este ano participarán nas probas do Informe PISA que se celebrarán en maio. Así, 1.800 alumnos galegos de 15 anos serán avaliados nas competencias consideradas clave, como a lectora, a matemática e a científica, recibindo unha atención máis profunda na edición deste ano a comprensión lectora.
O estudo PISA (siglas en inglés do Programa para a Avaliación Internacional de Alumnos) está organizado e dirixido cooperativamente polos países membros da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE), en colaboración cun número cada vez maior de países asociados. Trátase dun estudo comparativo, internacional e periódico que avalía o rendemento do alumnado de 15 anos, ao finalizar a etapa escolar obrigatoria, a partir da estimación da capacidade dos estudantes para aplicar os conceptos e desenvolverse en diversas situacións dentro de cada área, en vez de centrarse na avaliación curricular escolar, isto é, interesándose pola conexión do que se aprende no centro escolar coa aprendizaxe ao longo da vida.
Este estudo realízase cada tres anos, estudándose en cada aplicación os rendementos do alumnado nas competencias básicas de lectura, matemáticas e ciencias, recibindo unha delas, de forma rotatoria, unha consideración principal. O primeiro estudo PISA tivo lugar no ano 2000 e tivo como competencia principal a comprensión lectora; PISA 2003 centrouse nas matemáticas e PISA 2006 nas ciencias. O total de países participantes foi de 32 en 2000, 41 en 2003 e 57 en 2006, ascendendo en2009 a 65, dos cales 30 son países membros da OCDE e 35 son países asociados.
Deste xeito, este informe proporciona datos e indicadores comparativos dos distintos sistemas educativos dos países participantes, dirixidos á definición e desenvolvemento das súas políticas educativas. O programa PISA conta para o tratamento técnico cun consorcio internacional de institucións de investigación educativa. A participación de España, na súa mostra estatal e ampliada por varias Comunidades Autónomas, está coordinada polo Instituto de Avaliación, órgano integrado dentro do Ministerio de Educación, Política Social e Deporte.

Probas cognitivas escritas e cuestionarios de contexto

O estudo PISA recolle datos de dous tipos: probas cognitivas escritas (en formato papel ou electrónico) e cuestionarios de contexto. As primeiras, cunha duración aproximada de dúas horas e media, combinan preguntas de elección múltiple e preguntas abertas, que se organizan en unidades partindo dun estímulo escrito e/ou gráfico que propón unha situación da vida real. Pola súa banda, os cuestionarios de contexto son cubertos, por un lado, polo alumnado, e, por outro, polas direccións dos centros, e inclúen, ademais de datos socioeconómicos, as percepcións duns e outros sobre os estudos e o centro escolar.
Como novidade, este ano a OCDE mide a capacidade lectora do alumnado en formatos electrónicos, facéndose o exame cunha aplicación que simula Internet. En Galicia, dos 54 centros participantes, serán oito os que realicen esta proba de lectura electrónica.
A Comunidade galega ampliou mostra por primeira vez en PISA 2006, no que obtivo uns resultados superiores á media de España e da OCDE no rendemento medio en Ciencias e no que se puxo de manifesto que a variabilidade entre centros era a menor despois de Finlandia.

España participou neste estudo desde a súa primeira edición do 2000. Na edición do 2009 amplían mostra un total de catorce Comunidades Autónomas (Andalucía, Aragón, Asturias, Baleares, Canarias, Cantabria, Castela e León, Cataluña, Galicia, A Rioxa, Madrid, Murcia, Navarra e País Vasco), máis as cidades autónomas de Ceuta e Melilla

Fonte;Xunta de Galicia