2010 Ano do libro e da lectura en Galicia

Decreto 369/2009, do 23 de xullo, polo que se declara o 2010 como Ano do Libro e da Lectura de Galicia.

Galicia está indisolublemente asociada a Europa a través das correntes culturais, do pensamento e do espírito. Estas manifestacións exprésanse e materialízanse a través da palabra escrita, a través do códice ou do libro, que, desde a alta Idade Media, ofrece en cada obra un polo de atención para o debate, a construción intelectual e a democratización vagarosa do coñecemento e da intelixencia colectiva.

Debido a isto, a Consellería de Cultura e Turismo considera unha simbiose moi frutífera a do Ano Santo Xacobeo, que se celebrará no ano 2010, e o enxalzamento do libro e da lectura en Galicia. Deste xeito, o Ano Santo verase apoiado pola creación literaria galega e pola incorporación á nosa lingua dos textos fundamentais da área cultural en que nos inserimos, tanto do presente coma do pasado. O libro, a nosa expresión, o noso xeito de ver e comprender a realidade e a súa transformación debe engadirlle unha perspectiva enriquecedora ao Xacobeo; a celebración máis importante da nosa comunidade ofrecería, para dentro e para fóra, a achega das creadoras e dos creadores que herdaron a vagaxe milenaria de Compostela e da Via Stellarum, transformada e fortalecida pola sensibilidade de agora.

Pola súa vez, o libro galego e toda a actividade creativa e industrial que xira arredor del integraranse por natureza no potente madoiro de que se nutre nos seus substratos máis profundos. Con isto, colocaríase no seu lugar unha das trabes mestras da sociedade, entendida esta como organismo vivo que expresa unha sensibilidade común.

Debe contarse, neste punto, cunha ferramenta tan importante como é a Lei do libro e da lectura de Galicia, na cal se recolle a obriga de recoñecer o carácter estratéxico e prioritario do sector do libro como instrumento para a expresión do dereito á creación, á promoción e á divulgación da cultura, da historia e da lingua de Galicia.

Segue establecendo esta lei a obriga da Consellería de Cultura e Turismo de elaborar e aprobar plans e programas de actuación de promoción do libro e de fomento da lectura, medidas que a consellería entende axeitado incardinar no próximo ano xacobeo para ensamblar ambas realidades.

Por estes motivos, considérase fundamental para a cultura galega aproveitar o Ano Xacobeo de novo para plasmar esa unión, fácil de detectar na realidade, mais non recoñecida formalmente no seu auténtico valor.

Consonte isto, por proposta do conselleiro de Cultura e Turismo, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e tres de xullo de dous mil nove,

DISPOÑO:
Artigo 1º
Declárase o ano 2010, en Galicia, Ano do Libro e da Lectura, polo que se invita a todos os galegos a participar nos distintos actos que se realicen na promoción do libro e da lectura.

Artigo 2º
As institucións públicas galegas, os centros de ensino, as bibliotecas, as asociacións e federacións culturais dependentes da Xunta de Galicia dedicarán unha parte da súa actividade a pór de relevo esta manifestación contribuíndo, con iso, ao recoñecemento do libro como instrumento para a promoción e a divulgación da cultura, da historia e da lingua de Galicia.

Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase o conselleiro de Cultura e Turismo para ditar as disposicións necesarias para a execución e desenvolvemento do establecido neste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día un de xaneiro de dous mil dez.
Santiago de Compostela, vinte e tres de xullo de dous mil nove.
Alberto Núñez Feijóo
Presidente
Roberto Varela Fariña
Conselleiro de Cultura e Turismo