RESOLUCIÓN do 26 de xuño de 2014, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se convocan probas de acceso ás ensinanzas deportivas para o curso 2014/15.

I. Modalidades de acceso.

1. Acceso ás ensinanzas deportivas de grao medio.

Terá acceso ao grao medio das ensinanzas deportivas o alumnado que cumpra calquera dos seguintes requisitos:

a) Dispor do título de graduado en educación secundaria, ou equivalente para os efectos académicos, e superar unha proba específica. Para o acceso ao segundo nivel de grao medio, ter superados os estudos do primeiro nivel na correspondente modalidade ou especialidade deportiva.

b) O alumnado que non dispoña do título de graduado en educación secundaria, ou equivalente para os efectos académicos, deberá ter 17 anos e superar a proba de madureza que se establece no anexo III desta resolución, ademais da correspondente proba específica.

c) A proba de madureza poderase substituír pola proba de acceso a ciclos formativos de grao medio de formación profesional ou de artes plásticas e deseño, ou a de acceso á universidade para maiores de 25 anos.

2. Acceso ás ensinanzas deportivas de grao superior.

Terá acceso ao grao superior das ensinanzas deportivas o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

a) Dispor do título de técnico deportivo na modalidade ou especialidade deportiva correspondente, ter o título de bacharel, ou equivalente para os efectos académicos, e cumprir cos requisitos relativos á experiencia deportiva que se puideren establecer na especialidade ou modalidade correspondente.

b) O alumnado que non posúa o título de bacharel, ou equivalente para os efectos académicos, deberá ter 19 anos e superar unha proba de madureza que se establece no anexo III desta resolución, ou 18 anos sempre e cando posúa, ademais do título de técnico deportivo da modalidade correspondente, un título de técnico relacionado con aquel a que se desexa acceder.

Tanto nun como noutro caso, a idade mínima establecida deberase cumprir dentro do ano natural de realización das probas.

c) A proba de madureza poderase substituír pola parte común da proba de acceso a ciclos formativos de grao superior de formación profesional ou de artes plásticas e deseño, ou a de acceso á universidade para maiores de 25 anos.

DOG NÚM 127