RESOLUCIÓN do 22 de outubro de 2014 pola que se incrementa a dotación orzamentaria da Resolución do 8 de xullo de 2014 pola que se regula o procedemento para a distribución de froitas frescas ao alumnado de centros escolares e se convoca para o curso escolar 2014/15.

A Resolución do Fondo Galego de Garantía Agraria do 8 de xullo de 2014 (DOG núm. 136, do 18 de xullo) regula o procedemento para a distribución de froitas frescas ao alumnado de centros escolares e a convocatoria das axudas para o curso 2014/15.

No artigo 20 «Financiamento» establécese que serán cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) nun 75 %, e con fondos propios da Xunta de Galicia por un 25 %.

Igualmente neste artigo, precísanse as aplicacións orzamentarias e o importe económico previsto para o financiamento das ditas axudas para o curso 2014/15: 15.000 euros para o exercicio 2014 e 290.000 euros para o exercicio 2015.

No parágrafo 2, sinálase que as dotacións iniciais se poderán incrementar, se for procedente, con outros fondos procedentes do Fondo Europeo Agrícola de Garantía, dos orzamentos xerais do Estado e da Comunidade Autónoma tramitando o expediente de modificación de crédito oportuno.

Coa finalidade de poder atender o IVE relativo as actividades que se subvencionan, detalladas no artigo 3 da resolución, que non é elixible, e debido á existencia na mesma aplicación e proxecto de remanentes de fondos propios libres da Comunidade Autónoma, cómpre, mediante esta resolución, incrementar a dotación orzamentaria consignada para a concesión das mencionadas axudas.

En consecuencia, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia

DISPOÑO:

Artigo único

1. A dotación orzamentaria prevista para as axudas especificadas no artigo 3 da Resolución do 8 de xullo de 2014 (DOG núm. 136, do 18 de xullo), conforme o artigo 20 parágrafo 2, incrementase no importe de 600 euros para o exercicio 2014 e 11.600 euros para o exercicio 2015, e con cargo á aplicación 12.80.713F.779.0, plan de consumo de froitas na escola, dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2014, polo que o importe total para estas axudas, despois deste incremento é de 317.200 euros.

2. En todo caso, a concesión das axudas reguladas na dita resolución estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

Disposición adicional única

O incremento de crédito previsto no artigo único desta resolución non afecta o prazo de presentación de solicitudes establecido na Resolución do 8 de xullo de 2014 (DOG núm. 136, do 18 de xullo).

Disposición derradeira única

Esta resolución producirá efectos o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2014

Patricia Ulloa Alonso
Directora do Fondo Galego de Garantía Agraria