RESOLUCIÓN do 10 de xaneiro de 2013, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se convocan de xeito ordinario probas de acceso a ciclos formativos de grao medio e de grao superior de formación profesional en centros docentes sostidos con fondos públicos, para o ano 2013.

Primeiro. Datas e lugares de inscrición nas probas de acceso

1. A solicitude de inscrición para as probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio presentarase por duplicado na secretaría de calquera instituto de educación secundaria onde se impartan ciclos formativos de formación profesional ou centros integrados de formación profesional, no prazo comprendido entre os días 25 de febreiro e 8 de marzo de 2013, ambos os dous incluídos, segundo o modelo do anexo I recollido na Orde do 2 de decembro de 2008 pola que se regulan as probas de acceso aos ciclos formativos de formación profesional do sistema educativo. O centro que tramite a devandita solicitude deberalle entregar á persoa solicitante unha copia selada desta.

2. Estes centros tramitarán a información referente ao alumnado participante nas probas de acceso a ciclos formativos a través da aplicación informática facilitada pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

3. A documentación das persoas solicitantes será arquivada nos centros onde sexa presentada.

Segundo. Publicación de listaxes provisorias e definitivas de persoas admitidas e excluídas, de exención, de probas adaptadas, de cualificacións e de lugares de realización da proba

Quen desexar información puntual no relativo ás publicacións en todo o proceso do desenvolvemento das probas de acceso poderá dirixirse ao lugar onde realizou a súa inscrición, ao centro onde realice as probas ou ben á páxina web http://www.edu.xunta.es/fp, onde se publicarán as listaxes correspondentes. Estas listaxes terán efectos de comunicación ás persoas que presenten reclamación.

 

DOG N.º 14