ORDE do 5 de febreiro de 2013, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se establecen as bases para a concesión de subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega, e se procede á súa convocatoria (ED115A).

Artigo 1. Obxecto da convocatoria

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca axudas, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas a fomentar a prestación dun servizo lingüístico, mediante a súa creación ou o mantemento ou reforzamento dos existentes, ou a promover a planificación e o desenvolvemento de programas de dinamización da lingua galega en concellos ou en agrupacións de concellos con poboación igual ou superior aos 3.000 habitantes.

Artigo 2. Orzamento

O financiamento das axudas farase con cargo á partida orzamentaria 09.30.151A.460.0, correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013, por unha contía inicial máxima de 400.000 euros, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia de modificacións orzamentarias.

Artigo 3. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarias as entidades locais de Galicia.

Quedan excluídas do ámbito de aplicación desta orde as deputacións provinciais.

No caso dos agrupamentos de concellos para a realización dun proxecto común, as entidades integrantes nomearán un representante único que actuará como coordinador e interlocutor coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e que será o receptor da asignación económica.

As entidades locais ás que lles fose concedida e percibisen unha subvención para a creación dun servizo lingüístico ao abeiro da convocatoria de 2012 non poderán acceder a unha axuda para a creación dun servizo lingüístico na presente convocatoria.

DOG Nº 28

Corrección de erros

CORRECCIÓN de erros. Orde do 5 de febreiro de 2013, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se establecen as bases para a concesión de subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega, e se procede a súa convocatoria (ED115A).

Advertidos erros na citada orde, publicada no Diario Oficial de Galicia número 28, do venres 8 de febreiro de 2013, segundo o establecido no artigo 105 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, cómpre realizar as seguintes correccións:

1. Na páxina 3.874, no ANEXO I, no cadro «E, NA SÚA REPRESENTACIÓN», onde di: «PRIMEIRO APELLIDO», debe dicir: «PRIMEIRO APELIDO», e onde di: «SEGUNDO APELLIDO», debe dicir: «SEGUNDO APELIDO».

2. Na mesma páxina 3.874, no ANEXO I, na solicitude da «MODALIDADE», onde di: «Mantemento ou reforzamento dun servizo lingüístico dun concello», debe dicir: «Mantemento ou reforzamento dun servizo lingüístico dunha entidade local (concello ou agrupamento de concellos)».

Así mesmo, debaixo da modalidade anterior, onde di: «Desenvolvemento de dinamización lingüística dun concello carente de servizo lingüístico», debe dicir: «Desenvolvemento de dinamización lingüística dunha entidade local carente de servizo lingüístico (concello ou agrupamento de concellos)».

3. Na páxina 3.875, no ANEXO II, no cadro da «MODALIDADE PARA A QUE SOLICITA A SUBVENCIÓN E CANTIDADES TOTAIS SOLICITADAS»: na modalidade 4, onde di: «4. Desenvolvemento de dinamización lingüística dunha entidade local carente de servizo lingüístico», debe dicir: «4. Desenvolvemento de dinamización lingüística dunha entidade local carente de servizo lingüístico (concello ou agrupamento de concellos)».

Esta corrección de erros non modifica o prazo de presentación das solicitudes, que rematará o día 8 de marzo de 2013.