ORDE do 4 de abril de 2014 pola que se convocan axudas para financiar actividades das confederacións e federacións de pais de alumnos e das asociación de pais de alumnos de centros de educación especial para o ano 2014.

DISPÓN:

Primeiro. Faise pública a convocatoria de axudas destinadas a subvencionar a realización de actividades por parte das federacións e confederacións de pais de alumnos legalmente constituídas e das asociacións de pais de alumnos de centros de educación especial, desde o 1 de xaneiro de 2014 ata o prazo límite de xustificación de gastos.

Segundo. Poderán solicitar estas axudas as federacións e confederacións de pais de alumnos, así como as asociacións de pais de alumnos de centros de educación especial que, con anterioridade á data de remate do prazo de presentación de solicitudes, estean inscritas no censo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Terceiro. O importe que se distribuirá nesta convocatoria de axudas será de cincuenta e dous mil trescentos oitenta e cinco euros con sesenta e un céntimos (52.385,61 €), cantidade que procede de fondos propios da Comunidade Autónoma e do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte para esta finalidade. Non obstante, o importe destas axudas poderá incrementarse se, antes da publicación da resolución de concesión no Diario Oficial de Galicia, se recibe unha transferencia do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte para esta mesma finalidade, e así se publica no Diario Oficial de Galicia.

O pagamento das axudas efectuarase con cargo á partida 09.60.423A.481.0 dos orzamentos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para o ano 2014.

Cuarto. As axudas van destinadas tanto para a realización de actividades como para sufragar gastos derivados da xestión, administración, adquisición de material non inventariable e mantemento ordinario das instalacións, que se orixinen no período subvencionado.

Quinto. As solicitudes, segundo o modelo de instancia que figura como anexo I a esta orde, deberán conter os datos actualizados do solicitante e deberán vir acompañadas da seguinte documentación:

a) Orzamento desagregado de cada unha das actividades, dos gastos derivados da xestión, administración, adquisición de material non inventariable e mantemento das instalacións que se orixinen no período subvencionado.

b) Plan de actividades para as cales se solicita a axuda, facendo constar unha breve memoria por cada unha das actividades.

c) Copia certificada do acordo do órgano competente polo que se decide solicitar a axuda.

d) Para as federacións, relación das asociacións de pais de alumnos que as integran. Para as confederacións, relación das asociacións de pais de alumnos e das federacións que as integran.

DOG Nº73