ORDE do 4 de abril de 2014, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se establecen as bases para a concesión de subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega, e se procede á súa convocatoria (ED115A)

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é convocar axudas, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas a fomentar a prestación dun servizo lingüístico, mediante a súa creación ou o mantemento ou reforzamento dos existentes, ou a promover a planificación e o desenvolvemento de programas de dinamización da lingua galega, en concellos ou en agrupamento de concellos con poboación igual ou superior aos 3.000 habitantes.

Artigo 2. Orzamento

O financiamento das axudas farase con cargo á partida orzamentaria 09.30.151A.460.0, correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, por unha contía inicial máxima de 300.000 €, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia de modificacións orzamentarias.

Artigo 3. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarias as entidades locais de Galicia.

2. Quedan excluidas do ámbito de aplicación desta orde as deputacións provinciais.

3. No caso dos agrupamentos de concellos para a realización dun proxecto común, as entidades integrantes nomearán un representante único que actuará como coordinador e interlocutor coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e que será o receptor da asignación económica.

DOG Nº72