ORDE do 3 de xuño de 2020 pola que se establecen as bases e se convocan as axudas destinadas ao cofinanciamento dos servizos de comedor escolar xestionados polas asociacións de nais e pais do alumnado dos centros públicos non universitarios dependentes desta consellería, para o curso académico 2019/20 (código de procedemento ED601A).

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases e convocar as axudas económicas destinadas ás asociacións, federacións ou confederacións de nais e pais de alumnado legalmente constituídas, que xestionan os comedores escolares nos centros públicos non universitarios dependentes da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional que imparten os niveis de ensino básico obrigatorio e/ou segundo ciclo de educación infantil (código de procedemento ED601A).

2. O outorgamento das axudas a que se refire esta orde realizarase en réxime de concorrencia competitiva baixo os principios de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

3. As axudas económicas irán destinadas a sufragar os seguintes conceptos:

a) O custo diario do menú por comensal e polos días de asistencia destes ao comedor entendido como o servizo de comida ao mediodía, así como, se é o caso, a vixilancia e o coidado do alumnado durante o uso do servizo do comedor e o desenvolvemento dos programas complementarios de promoción da saúde e das habilidades persoais, durante o curso académico 2019/20.

b) Os gastos ocasionados pola contratación por parte das asociacións, federacións ou confederacións de nais e pais do alumnado de pólizas de seguros vinculadas directamente á prestación do servizo de comedor escolar.

4. Poderán acollerse a esta orde todas as actuacións descritas no parágrafo anterior, sempre que se desenvolvan durante o curso académico 2019/20.

Fonte: Orde do DOG nº 117 do 2020/6/16 – Xunta de Galicia

Comentarios0

Deixa unha resposta