ORDE do 24 de maio de 2013 pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2013/2014, nos centros docentes sostidos con fondos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 1. Aprobación

Apróbase o calendario escolar para o curso 2013/14 coas especificacións que se sinalan.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

Esta orde é de aplicación en todos os centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia sostidos con fondos públicos.

Artigo 3. Duración do curso académico

1. O curso académico abranguerá desde o día 1 de setembro de 2013 ata o 31 de agosto de 2014.

2. Nos primeiros días do mes de setembro e ata o día 5 como máximo realizaranse as probas correspondentes á convocatoria extraordinaria do curso 2012-2013 para o alumnado de educación secundaria obrigatoria e bacharelato.

3. As sesións de avaliación e a entrega de cualificacións da devandita convocatoria extraordinaria poderán realizarse ata o día 9 de setembro, incluído.

4. Sen prexuízo do establecido no artigo 10 desta orde, nos días en que se celebren as probas extraordinarias será de aplicación o punto 107 das instrucións que regulan a organización e o funcionamento dos institutos de educación secundaria, aprobadas pola Orde do 1 de agosto de 1997 (DOG do 2 de setembro), e o punto 127 das instrucións que regulan a organización e o funcionamento dos centros públicos integrados, aprobadas pola Orde do 3 de outubro de 2000 (DOG do 2 de novembro). Para tal fin, as direccións dos centros elaborarán o correspondente horario de gardas.

5. O alumnado de educación secundaria obrigatoria e bacharelato que non puidese matricularse no prazo ordinario poderá facelo no prazo extraordinario, que rematará o día 10 de setembro de 2013, incluído.

Artigo 4. Comedores escolares dos centros públicos

Os comedores escolares funcionarán en educación primaria desde o día 11 de setembro de 2013 ata o 20 de xuño de 2014. En educación secundaria obrigatoria funcionarán desde o 16 de setembro de 2013 ata o 20 de xuño de 2014.

DOG 107  http://www.xunta.es/dog/Publicados/2013/20130606/AnuncioG0164-290513-0005_gl.html