ORDE do 22 de maio de 2015 pola que se convocan axudas para a adquisición de libros de texto destinadas ao alumnado matriculado en 1º, 2º, 4º e 6º de educación primaria, 1º e 3º de educación secundaria obrigatoria ou educación especial, en centros sostidos con fondos públicos, para o seu uso no curso escolar 2015/16.

Artigo 1. Obxecto da convocatoria e procedemento 1. O obxecto desta orde é convocar axudas para a adquisición de libros de texto destinadas ao alumnado matriculado en 1º, 2º, 4º e 6º de educación primaria, en 1º e 3º de educación secundaria obrigatoria ou en educación especial, en centros sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, no curso escolar 2015/16, para o seu uso neste ano académico. 2. Está excluído do ámbito de aplicación desta orde o alumnado matriculado nos centros e cursos incluídos no proxecto educación dixital (Edixgal) no curso 2015/16. 3. Esta convocatoria tramitarase polo procedemento establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tendo en conta que polo obxecto e finalidade da subvención non será necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento. Artigo 2. Requisitos 1. Para ser beneficiario desta axuda é preciso cumprir os seguintes requisitos: a) Ser pai/nai/titor ou titora legal do alumnado matriculado nos cursos obxecto desta convocatoria en educación primaria, educación secundaria obrigatoria ou en educación especial, ou do alumnado previsto na disposición adicional primeira desta convocatoria, nun centro sostido con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, durante o curso escolar 2015/16. b) Non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario, recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. c) Para o alumnado de educación primaria e educación secundaria obrigatoria ter unha renda per cápita familiar igual ou inferior a 9.000 euros. Para a determinación da renda per cápita familiar terase en conta o disposto no artigo 6 desta orde. d) Ter devolto os libros de texto e/ou material reutilizable adquirido coas axudas do curso 2014/15. O prazo máximo para esta devolución será o 19 de xuño 2015. Non obstante, o alumnado de educación secundaria obrigatoria que teña algunha materia pendente poderá quedarse co libro correspondente ata que se examine e, como máximo, ata o 4 de setembro de 2015. DOG Nº 101