ORDE do 17 de febreiro de 2014 pola que se regula o procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís 0-3 dependentes desta consellería para o curso 2014/15.

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto regular o procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís 0-3 dependentes da Consellería de Traballo e Benestar para o curso 2014/15.

Artigo 2. Requisitos para ser adxudicatario/a

1. Serán requisitos imprescindibles para ser adxudicatario ou adxudicataria de prazas nas escolas infantís 0-3 dependentes da Consellería de Traballo e Benestar:

a) Que o neno ou a nena teña a súa residencia en Galicia e xa nacese no momento de presentación da solicitude.

b) Idade do neno ou da nena:

– Ter unha idade mínima de tres meses na data de ingreso.

– Non ter feitos os 3 anos de idade o 31 de decembro de 2014.

Non obstante, poderán ser eximidos do límite de idade dos 3 anos os nenos e as nenas con necesidades específicas de apoio educativo, logo da emisión do ditame do equipo de orientación específico da xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria correspondente, a petición das nais e dos pais, titores/as ou representantes legais e a través do centro de educación infantil da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, onde soliciten praza.

Neste sentido, a escola infantil 0-3, en que se escolariza o alumno ou alumna, proporcionará á familia a información e orientación necesarias sobre o procedemento a seguir nestes casos.

c) Para a renovación de praza é requisito imprescindible estar ao corrente no pagamento das cotas mensuais na data de presentación da solicitude.

2. No caso de integrarse nenos e nenas con necesidades específicas de apoio educativo, en ningún caso poderá haber máis dun alumno ou dunha alumna con estas necesidades por aula. Para os efectos de ratio, estas prazas contabilizaranse como dúas.

DOG Nº36