ORDE do 14 de febreiro de 2013 pola que se regula o procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís 0-3 dependentes desta consellería o curso 2013/14.
Artigo 1. Obxecto
A presente orde ten por obxecto regular o procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís 0-3 dependentes da Consellería de Traballo e Benestar para o curso 2013/14.
Artigo 2. Requisitos para ser adxudicataria/o
1. Serán requisitos imprescindibles para ser adxudicatario de prazas nas escolas infantís 0-3 dependentes da Consellería de Traballo e Benestar:
a) Que a/o nena/o teña a súa residencia en Galicia e xa nacese no momento de presentación da solicitude.
b) Idade da/o nena/o:
– Ter unha idade mínima de tres meses na data de ingreso.
– Non ter cumpridos os 3 anos de idade o 31 de decembro de 2013.
Non obstante, poderán eximirse do límite de idade dos 3 anos as nenas e os nenos con necesidades específicas de apoio educativo, logo da emisión do ditame do equipo de orientación específica da xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria correspondente, por petición dos pais, ou representantes legais e a través do centro onde soliciten praza.
c) Para a reserva de praza é requisito imprescindible estar ao día no pagamento das cotas mensuais na data de presentación da solicitude.