ORDE do 12 de xuño de 2014 pola que se convocan os premios extraordinarios de bacharelato correspondentes ao curso 2013/14.

Artigo 1. Obxecto

Convócanse na Comunidade Autónoma de Galicia os premios extraordinarios de bacharelato para o alumnado que finalizase os estudos de bacharelato no curso 2013/14 nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia e cumpra os requisitos establecidos nesta orde.

Artigo 2. Número e características dos premios

1. Poderase conceder un máximo de 20 premios extraordinarios.

2. Cada premio estará dotado con 1.000 €, con cargo á partida orzamentaria 09.50.423A.480.1 do ano 2014 cunha dotación global de 20.000 €.

3. Estes premios extraordinarios de bacharelato son compatibles con calquera outro premio, incluídos os premios nacionais de bacharelato.

4. O alumnado que obteña o premio extraordinario recibirá, ademais da contía económica, un diploma acreditativo e o/a secretario/a do centro público onde estea depositado o expediente académico, anotaralle nel a distinción.

5. Os/as alumnos/as que obteñan o premio extraordinario de bacharelato poderán concorrer, logo de inscrición, ao correspondente premio nacional.

6. O alumnado que obteña o premio extraordinario de bacharelato poderá estar exento, durante o primeiro ano e por unha soa vez, do pagamento dos prezos públicos por matrícula no primeiro curso dos estudos superiores nun centro público, segundo se estableza na normativa vixente para o curso 2014/15.

DOG Nº 117