ORDE do 12 de marzo de 2013 pola que se desenvolve o procedemento para a admisión do alumnado en centros docentes sustentados con fondos públicos que impartan ensinanzas de 2º ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

 

Reserva de praza Do 18 ao 22 de marzo
O alumnado que continua no centro ten reserva de praza
automática no centro.


Sorteo público desempate 22 de marzo


Publicación vacantes 4 de abril


Presentación solicitude admisión Do 5 ao 17 de abril


Presentación documentación xustificativa
Do 22 de abril ao 3 de maio


Publicación das listaxes provisionais de admitidos en non admitidos Até o 10 de maio


Publicación das listaxes definitivas Antes do 31 de maio


Formalización de matrícula en EI e EP Do 20 ao 30 de xuño


Formalización de matrícula en ESO e BA Do 25 de xuño ao 10 de xullo


Prazo extraordinario de matrícula ESO e BA Do 1 ao 10 de setem

 

O Decreto 254/2012, do 13 de decembro, polo que se regula a admisión de alumnado en centros docentes sustentados con fondos públicos que imparten ensinanzas de 2º ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato, reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, entre outros aspectos, establece os principios xerais aos que se debe axustar o proceso, co fin de garantir o dereito á educación, á liberdade de elección de centro, ao acceso a unha praza escolar, á gratuidade do ensino obrigatorio, á conciliación da vida familiar e laboral e á equilibrada escolarización do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Esta orde ten por obxecto desenvolver o procedemento de admisión do alumnado en centros docentes sustentados con fondos públicos que imparten as ensinanzas de 2º ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

2. No relativo á escolarización en centros ordinarios do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, esta orde será aplicable no que non estea previsto na súa normativa propia.

3. Quedan excluídos do ámbito de aplicación desta orde os procedementos de admisión do alumnado en ensinanzas de formación profesional e de réxime especial.

Artigo 2. Áreas de influencia, áreas limítrofes e procedemento para a delimitación

1. A área de influencia dun centro é o conxunto de todas as direccións catastrais nas que se obtén a máxima puntuación polo criterio de proximidade do domicilio familiar ou do lugar de traballo das/os nais/pais ou representantes legais.

2. A persoa titular da xefatura territorial delimitará as áreas de influencia dos centros e as limítrofes destas, oídos os consellos escolares municipais, a xunta provincial de directoras/es e un/unha representante das/dos titulares dos centros privados concertados, e logo do informe da inspección educativa.

De non estar constituído o consello escolar municipal, oirase o concello ou concellos afectados.

3. As áreas de influencia e limítrofes terán unha vixencia de cinco anos prorrogables, sen prexuízo de que se poida proceder á súa modificación en calquera momento, por variación dos postos escolares ou da poboación que haxa que escolarizar no seu ámbito, ou porque así o aconselle a experiencia acadada na súa aplicación.

4. A resolución pola que se delimiten ou modifiquen as áreas de influencia e limítrofes publicarase antes do inicio do correspondente proceso de admisión no ámbito das xefaturas territoriais e manteranse expostas durante todo o proceso.

DOG N.º53