ORDE do 1 de setembro de 2014 pola que se resolve a convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos non universitarios de titularidade desta consellería, para o curso 2014/15.

RESOLVO:

Primeiro. Conceder as contías que se sinalan nos anexo I e II aos centros incluídos no Plan de mellora de bibliotecas escolares durante o curso 2013/14, vistas as memorias de actividades levadas a cabo durante o dito ano académico, así como as liñas prioritarias de actuación presentadas para o período 2014/15.

Segundo. Integrar no Plan de mellora de bibliotecas escolares, para o curso 2014/15, os 33 novos centros seleccionados, que se relacionan no anexo III.

Terceiro. Asignar as contías que se detallan nos devanditos anexos, destinadas a apoiar os procesos de transformación das bibliotecas en centros de recursos de lectura, información e aprendizaxe, favorecer as actividades de fomento da lectura e de educación no acceso e uso da información (para o correcto desenvolvemento dos proxectos lectores de centro e apoio ao tratamento do currículo), e de acordo coas liñas prioritarias de actuación presentadas.

Cuarto. Os gastos realizados xustificaranse segundo o recollido no artigo oitavo da Orde do 25 de marzo de 2014, antes do 10 de xuño de 2015. Con ese mesmo límite de datas, deberá presentarse unha memoria de actividades segundo o recollido no artigo 8, punto 3, da orde de convocatoria para o acceso ao plan de mellora.

Quinto. A non entrega da memoria e/ou xustificación do gasto no prazo sinalado poderá ser causa de revogación das cantidades asignadas e o centro deberá proceder ao reintegro da cantidade percibida, sen prexuízo das responsabilidades que se lle poidan exixir.

Sexto. O incumprimento total ou parcial dos proxectos ou das condicións que se tiveron en conta para a súa concesión poderán dar lugar á anulación ou modificación da contía do importe concedido.

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2014

DOG núm 171