Un mercado alternativo impulsado por 7 organizacións ecoloxistas e sociais amosa en Compostela outra maneira de consumir

Baixo o lema Para consumir sen nos consumir, os colectivos a Gentalha do Pichel ADEGA, Amarante, Equisol, a Federación Ecoloxista Galega, Panxea e Verdegaia levan o 22 de decembro á Praza do Toural ideas prácticas para un consumo máis consciente
Un obradoiro de xoguetes feitos con materiais de refugallo, unha xornada de troco, aprender a facer xabrón ecolóxico, e información sobre a pegada ecolóxica e social que xeran os nosos hábitos de consumo. Son as actividades que propoñen 7 organizacións de Compostela nunha campaña contra o consumismo e os excesos propios do Nadal, desde os agasallos que mercamos e as opulentas comidas que preparamos até un alumeado que dilapida cartos e enerxía sen outra utilidade que non sexa a ornamental. Así as cousas, os colectivos que se agrupan baixo o paraugas da Federación Ecoloxista Galega –destacando ADEGA e Verdegaia–, o grupo de activistas a prol da lingua e da cultura do país que dan vida á Gentalha do Pichel e tres organización que promoven o consumo consciente en Compostela –Panxea, Amarante e Equisol– xúntanse este ano por vez primeira para dar a volta ao modelo económico organizando un mercadiño alternativo que se celebrará na Praza do Toural o 22 de decembro, a partir das 12.00 horas, e durará todo o día.

feira_22_decembro-1.pdf