Sobre a subvención para actividades das ANPA para conciliación da vida familiar e laboral convocada pola Secretaría Xeral de Igualdade

No DOG do 30 de decembro publicouse a resolución da Secretaría Xeral de Igualdade convocando axudas ás ANPA para realizar actividades de conciliación da vida familiar e laboral. Na súa redacción, esta convocatoria incorporaba varias cuestións novidosas e conflitivas, que se resumen no seguinte:

1. Establece un límite de renda familiar para subvencionar a actividade, en 6.5 veces o IPREM. As familias con ingresos maiores non computan para estimar a cantidade subvencionable respecto do gasto total.
2. Este límite de renda obriga a achegar as declaracións da renda de todas as familias con ingresos inferiores a 6.5 veces o IPREM, algo que supera con creces as atribucións das ANPA e que suporía unha xestión de protección de datos de nivel intermedio, cun custe probablemente superior á propia subvención.
3. A subvención pasa a ser incompatible con calquera outra subvención pública para o mesmo fin.
4. Establécese a obrigatoriedade de definir uns obxectivos de mellora das condicións de emprego do pai ou nai, que deben xustificarse para o cobro da subvención.

A FANPA púxose en contacto coa Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade e cos distintos grupos políticos do Concello de Pontevedra, así como coa propia CONFAPA, para establecer algunha modificación que fixera viable que unha ANPA poida concorrer a estas axudas. Estas xestións culminaron onte nunha entrevista sostida coa secretaria xeral de igualdade, na que a Administración propuxo unha instrución (publicada no día de hoxe) para permitir cumprir os requirimentos de xustificación de ingresos das familias mediante unha autorización á Secretaría Xeral de Igualdade para cruzar os datos fiscais.

Esta modificación permite, a aquelas ANPA que queiran presentarse á subvención, salvar a responsabilidade na xestión dos datos fiscais das familias. Aínda así, os restantes requirimentos seguen vixentes.

Quedamos á vosa disposición para solucionar calquera dúbida sobre este tema.