Programa de obradoiros para infantil, primaria e secundaria do Museo Massó

O Museo público Massó ofrece un amplo programa de visitas guiadas e obradoiros didácticos gratuítos para centros de ensino e grupos de escolares.

As datas adáptanse á dispoñibilidade dos solicitantes e o museo conta ademais coa exposición permanente dedicada á “Conquista do mar e a explotación dos seus recursos” e dúas temporais: “De Punta Balea a Cabo Morás. A caza moderna da balea en Galicia” e “A arte de navegar”

A inscrición debe facerse no teléfono 886 151 101 ou por medio do correo electrónico museo.masso@xunta.gal (en horario de 10.00 a 20.00 horas e de luns a venres). Será necesario determinar un nome e un número de teléfono para manter o contacto.

OBRADOIROS DIDÁCTICOS NO MUSEO MASSÓ

EDUCACIÓN INFANTIL

Sentir o museo

(de 3 a 5 anos)

Este obradoiro é unha viaxe sensorial para experimentar o museo a través do oído, do tacto, do olfacto, do gusto e da vista. Os nen@s descubrirán os obxectos do museo e a súa historia para logo escoitar, tocar, cheirar e saborear cos ollos pechados e identificar o que viron ao longo da visita.

Mar á vista

(de 3 a 5 anos)

Xogo de recoñecemento de obxectos representados nunha das pinturas de Urbano Lugrís. Os nenos irán descubrindo o universo pictórico de Lugrís e a representación pictórica dos obxectos.

Cousas da praia

(de 3 a 5 anos)

Mediante o xogo e a música ensinaremos aos participantes cuestións sobre a area da praia e as plantas que viven nela, porqué sube e baixa a marea e outras sobre a acción humana: a praia como

espazo de traballo no pasado e o problema actual do lixo no mar.

B de balea

(de 3 a 5 anos)

A partir de pequenos xogos de construción de palabras e de imaxes, os participantes irán descubrindo as características das diferentes especies de cetáceos e porqué se cazaban antigamente, así como os motivos polos que se abandonou esta práctica en moitos países.

Estrela polar

(de 3 a 5 anos)

A pesar da gran dificultade que ten para o ciclo de infantil entender a orientación astronómica, este obradoiro está ideado para desenvolverse dun xeito activo e no que os escolares poidan participar e asimilar os conceptos básicos mediante o xogo.

Sardiñas para unha lata

(de 4 a 10 anos)

Este obradoiro fai un percorrido por todo o proceso da conserva da sardiña dende

a súa vida no mar e as diferentes artes de pesca para capturalas, ata os distintos

métodos de conserva.

EDUCACIÓN PRIMARIA E EDUCACIÓN SECUNDARIA OBRIGATORIA

A experiencia arqueolóxica.

Do xacemento ao museo

(de 6 a 16 anos) Neste obradoiro faise un percorrido histórico pola tradición da salga de Bueu e

de Galicia en xeral, dende a época romana, ata o período dos fomentadores cataláns no século XIX, e un percorrido pola vida deste patrimonio cultural dende o seu achado nas escavacións do xacemento romano de Pescadoira ata a exposición no museo, pasando polo taller de restauración.

O que o mar non quere

(de 6 a 14 anos) O mar converteuse nun gran vertedoiro de lixo. Paseando pola praia podemos

encontrarnos numerosos obxectos que forman parte deses residuos e que deberían seguir o proceso de reciclaxe. Neste obradoiro os participantes traerán algún destes obxectos encontrados nas praias para coñecer os problemas que están a causar no ecosistema e as posibles solucións. Finalmente empregaremos os materiais construíndo un gran monstro mariño.

Mensaxe nunha botella

(de 6 a 12 anos)

As mensaxes dentro das botellas agochadas polas salas do museo revelarán aos participantes a importancia que teñen os océanos para o noso planeta, tanto para a diversidade das especies como pola súa influencia no clima. Mediante un xogo deberán completar unhas tarxetas que

aportarán as pistas necesarias para atopar as mensaxes. Finalmente cada participante escribirá unha mensaxe cun bo desexo para os océanos e todas as mensaxes se meterán nunha botella común.

En busca do tesouro

(de 6 a 9 anos)

A partir dun mapa e dalgunhas pistas, os participantes terán que encontrar as diferentes partes dun quebracabezas coma si dun tesouro se tratara. A ruta do mapa centrarase na primeira volta ao mundo e os motivos comerciais que a impulsaron.

A caza da balea

(de 6 a 9 anos)

Mediante un xogo de pistas os participantes deberán atopar unhas pezas agochadas no museo, co obxectivo principal de achegar aos nen@s os contidos da exposición De Punta Balea a Cabo Morás. A caza moderna da balea en Galicia. Cada grupo terá que resolver diferentes incógnitas, poñendo as solucións en común na parte final do obradoiro.

A Balea

(de 6 a 8 anos)

A partir dunha introdución sobre as características principais das baleas e as diferentes ameazas ás que se ven sometidas, os participantes realizarán dous pequenos murais mediante a técnica do

collage. Unha das imaxes estará baseada na caza das baleas e os diferentes perigos que corren e a outra representará a importancia de conservar a especie como parte dun ecosistema.

O sal do mar

(de 9 a 16 anos) Este taller pretende facer comprender o papel fundamental do sal na conservación dos alimentos e a importancia da súa comercialización ao longo da historia,

chegando a alcanzar grandes repercusións económicas e políticas. Prestarase maior atención ao uso do sal en Galicia para a conservación do peixe, sendo a salga un método de conservación empregado durante moitos séculos antes de que existiran as conservas enlatadas e os conxeladores.

Orientarse no mar

(de 9 a 16 anos)

Os navegantes para orientarse no mar tiñan que tomar como referencia o horizonte e os astros, polo que os pilotos tiñan que ter coñecementos de astronomía e matemáticas para determinar a posición do barco e a ruta a seguir coa axuda dos instrumentos de navegación. Con este obradoiro os participantes poderán entender, un pouco máis, como se utilizaba o astrolabio e o sextante para facer as medicións co horizonte e os astros.

Punta Balea

(de 9 a 12 anos)

Mediante un xogo de pistas os participantes irán obtendo información de como foi a evolución da industria baleeira.

A partir da exposición De Punta Balea a Cabo Morás. A caza moderna da balea en Galicia irán recoñecendo e relacionando obxectos, imaxes e palabras que axudarán a descifrar unha mensaxe.

Atando Cabos. Nós mariñeiros

(a partir de 7 anos)

Obradoiro práctico de aprendizaxe de 5 nós mariñeiros básicos: Cote, As de Guía, Chan, Oito e Ballestrinque. Explicarase a súa orixe e aplicación e, despois, montarase un pequeno cadro de nós.

Atrapad@s na rede

(a partir de 8 anos)

Obradoiro práctico para coñecer as técnicas de confección das redes de pesca e os distintos tipos de artes. O obradoiro será impartido pola redeira en activo Consuelo Martínez polo que as datas

dependerán da súa dispoñibilidade.

Seguir o rumbo. A agulla de marear

(a partir de 9 anos)

Este obradoiro ten como obxectivo facer comprender as propiedades magnéticas da Terra e explicar aos escolares o manexo da agulla de marear e a súa utilidade na navegación.

O mapa do mariñeiro. A carta náutica

(a partir de 9 anos)

Os alumnos poderán familiarizarse coa interpretación e manexo das cartas náuticas, aprender a utilizar as unidades de medidas náuticas e as escalas e situar os puntos de referencia da costa e os faros de Bueu no mapa.

Ex-libris

(a partir de 12 anos)

O obradoiro consiste na realización de pequenos ex-libris (selos ou estampas) para personalizar os libros dos participantes. Aprenderán a técnica do gravado sobre goma e a fabricación de tampóns. Os participantes logo de coñecer o ex -libris que Antonio Massó deseñou para a biblioteca do Museo, elaborarán e estamparán o seu propio selo.

Máis info en : http://museomasso.blogspot.com.es

Comments:0

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*