Obradoiro de técnicas de estudo en FANPA 2019

DESCRICIÓN

As técnicas de estudo son unha parte elemental e de gran importancia á hora de aprender. Xa que permiten ordenar o traballo, aproveitar os recursos dispoñibles do mellor modo e desenvolver novas formas de enfrontar o coñecemento cara ao futuro. Cando falamos de técnicas de estudo facemos referencia ás estratexias que permiten que os estudantes poidan obter os mellores resultados a partir do desenvolvemento de diferentes habilidades ou aptitudes que lles permitan encarar mellor cada actividade ou tarefa. Ademais, as técnicas de estudo serven para poder render extraordinariamente nun exame e para comprender de forma óptima os temas.

DESTINATARIOS

O OBRADOIRO DE TÉCNICAS DE ESTUDO está dirixido a estudantes de entre 10 e 15 anos.

DURACIÓN E ORGANIZACIÓN

O OBRADOIRO DE TÉCNICAS DE ESTUDO levarase a cabo en 8 sesións semanais cunha duración de 90 minutos cada unha. Os participantes dividiranse en grupos reducidos en función dos seus coñecementos previos sobre técnicas de estudo:

GRUPO 1: OBRADOIRO AVANZADO DE TÉCNICAS DE ESTUDO*
GRUPO 2: OBRADOIRO DE INICIACIÓN DE TÉCNICAS DE ESTUDO
*Ao OBRADOIRO AVANZADO DE TÉCNICAS DE ESTUDO pódense apuntar todos aqueles estudantes que cursaran anteriormente o Obradoiro de Técnicas de Estudo impartido na FANPA no curso 2018/2019 ou no curso 2017/2018.

Os alumnos e alumnas cubrirán unha proba de avaliación de técnicas de estudo e entregaráselles un informe personalizado cos seus puntos fortes e débiles á hora de estudar. Ademais nas sesións traballaranse as seguintes técnicas de estudo:

  • Organización do estudo
  • Realización de apuntamentos
  • Comprensión lectora
  • Subliñado
  • Resumo
  • Esquema
  • Regras mnemotécnicas
  • Realización de debuxos
  • Mapas mentais
  • Test
  • Brainstorming ou remuíño de ideas
  • Palacio mental ou Método Loci

No caso de aqueles estudantes que participen no OBRADOIRO AVANZADO DE TÉCNICAS DE ESTUDO, a proba avaliativa serviralles para comparar os seus resultados cos obtidos no anterior curso. Ademais, no OBRADOIRO AVANZADO DE TÉCNICAS DE ESTUDO, traballaranse as técnicas de estudo anteriormente citadas dunha forma máis profunda e, a maiores, abordaranse os seguintes temas:

  • Repaso estudo
  • Actividades para mellorar a atención
  • Relaxación e autocontrol
  • Exercicios mentais para a mellora da memoria
  • Realización de traballos escritos
  • Realización de traballos en grupo

OBXECTIVOS

Ao longo do desenvolvemento das sesións preténdese lograr os seguintes obxectivos:

  • Sensibilizar aos xoves sobre a importancia do estudo para a súa aprendizaxe.
  • Fomentar a motivación dos estudantes.
  • Aprender técnicas de estudo adaptadas a cada alumno/a e a cada situación e contexto de aprendizaxe.
  • Coñecer as condiciones e destrezas que interveñen na tarefa de estudar.
  • Adestrarse no uso das técnicas de estudo.
  • Aplicar as técnicas aprendidas ao estudo persoal.
  • Aplicar o estudo persoal ás diferentes áreas.
  • Desenvolver as capacidades individuais para a aprendizaxe.
  • Identificar o estilo propio de aprender e aplicalo no estudo.
  • Experimentar a aprendizaxe como unha actividade que require un esforzo que está relacionado cos resultados a alcanzar.

METODOLOXÍA

Durante as sesións axudaráselles aos participantes a construír a aprendizaxe, promovendo o pensamento diverxente e potenciando a comunicación. Seguirase una metodoloxía activa e participativa, onde os participantes serán os principais protagonistas. Crearanse espazos dinámicos nos que prime un clima activo e cooperativo. As actividades para ensinar as diferentes técnicas de estudo adaptaranse a cada grupo, tendo en conta o desenvolvemento evolutivo e as diferentes necesidades educativas.

PREZO POR ASISTENCIA

  • Socios de ANPA federada na FANPA: 15€/mes
  • Non socios de ANPA federada na: 25€/mes

No prezo inclúense as fotocopias necesarias para traballar en cada sesión.

Descargar ficha de inscrición: Aquí

[pdf-embedder url=”http://www.nontedurmas.org/wp-content/uploads/2019/10/FICHA-INSCRIPCIÓN-OBRADOIRO-DE-TÉCNICAS-DE-ESTUDO-2019-2020.pdf” title=”FICHA INSCRIPCIÓN OBRADOIRO DE TÉCNICAS DE ESTUDO 2019-2020″]